A empresa Aerocámaras e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) remataron xa o desenvolvemento de AeroCovid, un sistema de vixilancia baseado en intelixencia artificial (IA) que permite controlar o aforo nas praias e en calquera recinto.
Esta tecnoloxía, con drons de última xeración, prové información en tempo real sobre a cantidade de persoas nun espazo público determinado, así como a distancia entre elas.
Pensado para axudar aos concellos e ás forzas de seguridade locais, AeroCovid realiza, de forma automática, o cálculo e a medición das persoas cunha exactitude superior ao 90%.
O sistema -cuxa implantación estudan varios concellos- tamén garante a privacidade, xa que as imaxes dos individuos se difuminan unha vez procesada a información.
Outra das vantaxes de Aero-Covid é que funciona cun sistema de alta seguridade pechado, que evita os riscos relativos á privacidade e a confidencialidade. Os datos obtidos polo dron procésanse pola Policía Local ou o concello mediante un panel online que pode incluír, ademais, outros datos externos, como a temperatura ambiente, do mar ou o aforo máximo dunha praia.
Fonte: Diario de Pontevedra