A empresa Aerocámaras presentou na Axencia Galega de Emerxencias (Axega) “o primeiro dron de á fixa en España, destinado a previr e controlar os incendios forestais” da comunidade. Integrantes da Axega reuníronse con Jaime Pereira Gil, xerente de Aerocámaras, “para coñecer todos os detalles técnicos do seu novo dron e pechar o acordo de venda”, explicaron desde a firma. Un aparello, o VTOL Aerocámaras, que contribuirá á prevención de incendios forestais. O seu obxectivo principal é a observación de incendiarios desde o aire e o seguimento de lumes en zonas forestais, aínda que tamén pode empregarse para localizar vítimas en terra e mar para o seu rescate.
O dron conta coa última tecnoloxía en teledetección e rastrexo de persoas. Os seus transmisores HD, xunto co seu compartimento de carga intercambiable, permite integrar cámaras térmicas, FPV e cámaras con aumentos para non perder detalle do que se avista desde o aire. O seu motor eléctrico permite ao dron voar por riba de 2.000 metros sen avarías, cunha autonomía de voo de ata 6 horas e unha velocidade máxima de 145 quilómetros por hora. Dispón dunha estación de mando con pantalla HD onde se poden programar voos de forma autónoma e establecer rutas estratéxicas de seguimento. Pódese integrar con 4G e 5G para abranguer máis de 300 quilómetros de distancia para estudar superficies extensas.
A empresa Aerocámaras, que apostou forte polo desenvolvemento de tecnoloxía punta en drons como o AeroHyb, espera continuar desenvolvendo a tecnoloxía deste VTOL nun futuro próximo.
Fonte: La Voz de Galicia