Aerocámaras ofrece drons equipados para combater o coronavirus

A empresa Aerocámaras ponse a disposición das Administracións públicas, tanto nacionais como autonómicas e locais, para ofrecer un dispositivo de apoio con drons aos servizos de emerxencias e ás forzas de seguridade co fin de colaborar na loita contra o coronavirus. A firma pioneira en formación no manexo destes equipos conta con máis de 12.000 pilotos repartidos por toda a xeografía española, ademais de contar con experiencia nas emerxencias con drons. 

Aerocámaras dispón de varias unidades do dron híbrido Aerohyb, o de maior autonomía do mundo con sete horas de voo ininterrompidas, desenvolto polo equipo de I+D da empresa. Pode resultar moi útil ante esta pandemia ao dispor de capacidade para trasladar ata cinco quilos de carga durante unhas dúas horas, podendo transportar provisións ou equipos sanitarios. Con estes drons, xunto a outros vinte e cinco de alto peso equipados con material, desde a firma queren axudar pondo a disposición das autoridades tanto o material como ao equipo humano de profesionais con que conta por toda España. 

Este paquete de axudas proposto sen custos de execución permitiría por exemplo funcións de vixilancia e aviso á poboación con drons dotados de megafonía. Os corpos de seguridade poderían disuadir así aos cidadáns que estivesen a infrinxir o estado de alarma na rúa ou realizar comunicados puntuais sobre a pandemia en determinados lugares. Tamén poden prepararse para operacións de desinfección con pulverizantes líquidos sobre espazos urbanos onde exista unha intensa concentración de persoas durante as horas punta de transporte. Outra opción sería empregalos en voos para transporte de analíticas ou de equipos médicos de primeira necesidade. 

Fonte: La Voz de Galicia