Aerocamaras dará un novo impulso na súa I+D orientada ao sector marítimo. A empresa, especialista en drons, investirá na mellora dos equipos e software cos que ofrecen servizos de loxística e inspeccións técnicas a barcos. Este proxecto conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) no marco do programa DeseñaPeme 2022.
As liñas de desenvolvemento previstas centraranse en mellorar aspectos técnicos dos UAVs aéreos e submarinos destinados a estes servizos, tales como a autonomía, maior velocidade, máis capacidade de carga e reducir o peso dos equipos. A compañía conta con ampla experiencia traballando como “outsourcing” para importantes clientes en diferentes servizos de loxística e inspección, tanto marítima como terrestre. Estes traballos desenvólvenos cos seus propios UAVs e sistemas de software.
Entre as novidades que serán aplicadas a estes servizos está a capacidade de obter e compartir información co cliente en tempo real de envíos loxísticos industriais ou inspeccións técnicas, dando ao cliente a posibilidade de tomar decisións de forma aínda máis áxil. A compañía xa vén desempeñando estas tarefas de detección temperá de problemas técnicos cos seus UAVs, identificando posibles anomalías que permiten un mantemento correctivo, con reparacións que moitas veces son posibles realizalas en porto.
“Os servizos que ofrecemos aos nosos clientes son aproveitar os tempos que teñen de parada, xa sexa para reabastecemento ou subir carga, para realizar a inspección. Desa maneira optimízase ese tempo e evítase un mantemento correctivo que implica sacar a dique seco o barco e telo parado varias semanas para facer as reparacións, cos custos asociados que isto leva. En canto a seguridade, é obvio que calquera detección temperá en porto evitará avarías en alta mar que impliquen afundimentos ou quedar á deriva ata que cheguen os equipos de salvamento” -apunta Jaime Pereira, conselleiro delegado de Aerocamaras-.
Este proxecto vai en liña co compromiso de innovación sustentable adquirido pola empresa a través do desenvolvemento sustentable coa xeración de solucións de I+D respectuosas co medio ambiente, apostando pola prolongación da vida útil dos equipos e a redución na xeración de residuos.
Fonte: Aerocámaras