Desde hai un mes, os técnicos da compañía galega están capacitando a profesionais de diferentes puntos do país africano de sectores diversos, como a telefonía, a enerxía e os de seguridade e emerxencias. Ademais, durante os próximos meses, Aerocámaras implantará os seus servizos en grandes empresas malianas.
Os responsables da empresa destacan que os drons son especialmente últiles en países en vías de desenvolvemento pola escaseza e precariedade das comunicacións e as amplas zonas despoboadas. Os sectores nos que prevén aplicacións a maior escala son, ademais do enerxético e o de seguridade e emerxencias, os do transporte e as inspeccións.
“Todas as semanas recibimos chamadas doutros países para pedir solucións máis que variadas”, destacan desde Aerocámaras, “pero os tempos de resposta de Malí foron curtos. Noutros países encontrámonos moita máis burocracia, pero neste caso a necesidade do uso de drons axudounos a axilizar os trámites directamente co goberno”.
Os técnicos de Aerocámaras encontráronse con circunstancias especiais ás que deben adaptar as operacións en Malí. As temperaturas elevadas diminúen os tempos de voo, ao que hai que sumar as cuestións de seguridade e comunicacións e a falta de infraestruturas adecuadas.
A empresa galega está xa presente en varios países de Oriente Medio, así como en Perú, México, Honduras, Reino Unido ou Suíza, entre outros. Precisamente hai unhas semanas, fíxose cun importante contrato en California que reforza o seu posicionamento no mercado internacional tanto no ámbito da formación como no da fabricación a medida de drons cunha autonomía de ata catro horas, en lugar dos 20 ou 30 minutos dos seus competidores.