Aerocámaras lanza o I Curso de Piloto Profesional de Drons en emerxencias

A empresa especializada na fabricación e manexo de drons Aerocámaras, con sede no Parque Tecnolóxico de Galicia, celebrará, en colaboración con Seganosa –referente na formación integral en emerxencias–, o I Curso Profesional de Piloto Profesional de Drons en emerxencias, que permitirá actuar en situacións de emerxencias, tales como rescates, localización de persoas, lumes ou accidentes de tráfico.

Da man de expertos con máis de 25 anos en formación, os alumnos do novo curso de 40 horas, de modalidade semipresencial, poderán mellorar as técnicas de actuación en casos de emerxencia.

A localización de focos de lumes urbanos e tamén en industrias e refinarías, salvamentos de mar, localización de accidentes de tráfico, labores de rescate e salvamento en altura e identificación de persoas atrapadas son só algunhas das utilidades que ofrece un dron neste sector, cada vez máis puxante, asegura Jaime Pereira, CEO de Aerocámaras.

O curso arrincará o día 16 de xaneiro –modalidade online– e constará de dúas prácticas presenciais, os días 26 e 27 de xaneiro, nas instalacións de Seganosa (Salvaterra de Miño).
Está dirixido a persoal de Protección Civil, servizos de extinción –bombeiros– e equipos de salvamento, forzas e corpos de seguridade do Estado e consta de 40 horas de duración (24 horas de teoría e 16 horas de práctica, semipresencial). Nel poderán participar persoas que conten co título do curso superior de pilotaxe de dron.

Para realizar este curso, a empresa porá a disposición dos participantes aeronaves non tripuladas de gran autonomía, que levan incorporada unha cámara térmica, con capacidade para voar de forma autónoma desde 35 minutos no aire até unhas dúas horas e media.

No apartado teórico, os alumnos abordarán lexislación, plans de emerxencia, uso de GPS e técnicas de marcha, travesía e supervivencia. A parte práctica consistirá na realización de, polo menos, tres das manobras requiridas, para procura de persoas por beiras, localización exacta dun foco de lume nun edificio de altura, procura de posibles vítimas atrapadas nun edificio ou procuras con baixa visibilidade.

Pola súa banda, Seganosa porá a disposición os seus máis de 40.000 metros cadrados de instalacións, que inclúen todo tipo de simuladores, nos que se atopan lume, rescate acuático, mercadorías perigosas e estruturas colapsadas.

Trátase do primeiro curso oficial de piloto profesional de drons en emerxencias e realízase en Seganosa (Salvaterra do Miño), centro homologado pola entidade pública, a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). Estes aparellos permiten aos seus usuarios identificar “zonas quentes”, abundou Pereira.

Aerocámaras, con sede en Tecnópole, é a escola número un en formación de pilotos de España (en número de alumnos, conta con nove centros na Península) e formou a bombeiros tanto de España como de Portugal.

Máis información aquí.