Aerocámaras lanza o dron híbrido con maior autonomía de voo do mundo

O dron híbrido de Aerocámaras (Aerohybrix) preséntase como a aeronave non tripulada con maior autonomía a nivel mundial, con catro horas de voo sen carga e unha tecnoloxía punteira. O motor híbrido (que combina electricidade e gasolina) marca un antes e un despois na industria dos drons, caracterizada ata o momento por uns tempos de voos escasos.

Segundo Aerocámaras, existen no mercado outros drons híbridos que non conseguen achegarse á fiabilidade, precisión e tempos de voo de Aerohybrix. Entre as características técnicas do dron híbrido resalta a súa capacidade á hora de trasladar ata 5 quilogramos durante aproximadamente dúas horas e media e voar catro horas sen carga.

Aerocámaras, empresa con sede en Tecnópole, leva máis de dous anos apostando forte polo desenvolvemento propio de drons, con especial esforzo na tecnoloxía híbrida para suplir as carencias do mercado en cuestión de autonomía.

Este novo salto de calidade tecnolóxico supón unha mellora máis que substancial á hora de realizar traballos profesionais con aeronaves non tripuladas. Isto permite un maior control do ámbito no que a aeronave vai realizar o servizo, aumentando os tempos de voo, diminuíndo os tempos de aterraxe e despegue entre cambios de batería, a seguridade e a posibilidade de completar a maioría dos traballos nun só voo. Deste xeito, servizos como inspeccións eléctricas, estruturas, eólicas, etc así como traballos topográficos, de agricultura ou audiovisual gañan en calidade.

As principais características desta aeronave son unha autonomía de catro horas, un rango operativo de 180 quilómetros, unha capacidade de carga de ata 5 quilogramos, a posibilidade de montar todo tipo de cámaras no mercado, resistencia á auga e preparación específica para emerxencias, topografía, agricultura de precisión ou inspeccións técnicas.

(Fonte: Aerocámaras)