Aerocamaras esquiva a pandemia

Aerocamaras constituíuse en Lalín hai 15 anos, nun primeiro momento como produtora audiovisual, e desde o ano 2012 revolucionando o mercado para cubrir as solicitudes de demanda de servizos con drons que chegaban dunha ampla variedade de industrias e compañías. Desde entón, evolucionando ao ritmo que marca o sector, o grupo empresarial especialista en vehículos non tripulados logrou consolidarse como empresa referente no sector, ofrecendo unha cobertura integral 360º que abrangue todos os ámbitos da industria dos drons: formación, servizos especializados, xestión aeronáutica, desenvolvemento de UAs e venda de equipos, con presenza consolidada en España, Europa e Latinoamérica.

Á fronte da compañía está Jaime Pereira. “Estamos encantados de cumprir 15 anos. É un síntoma moi saudable, mestura de mocidade e de experiencia xerada grazas a cada paso realizado. E o máis importante é cumprilos sendo líderes no sector das aeronaves non tripuladas. Grazas á confianza dos nosos clientes, aos nosos colaboradores e alumnos, e por suposto ao noso equipo, chegamos até aquí, e grazas a todos eles esperamos seguir nesta aventura”, sinala o CEO de Aerocamaras.

Proxectos pioneiros no sector dos drons

En todo este tempo a empresa percorreu un longo camiño de superación constante, favorecendo o impulso de múltiples servizos e proxectos pioneiros. Algúns deles son ideas disruptivas que chegaron para quedar e transformar a loxística mariña ou a repartición de alimentos con drons, como Drones Maritime e DronetoYacht. Outros responden á vocación de axuda en momentos moi complexos, como o innovador desenvolvemento do dron AeroCovid ou na catástrofe do volcán da Palma para o que se empregou un dron de carga e desenvolveuse un sistema propio personalizado para a situación.

Sen esquecer deseños propios, que supuxeron un antes e un despois no sector, como o software de xestión aeronáutica Aeronet ou o AeroHyb Hexacopter, unha aeronave híbrida que combina a electricidade e gasolina e é, até o momento, o dron con máis autonomía do mercado, permitindo até 7 horas de voo.

Até a data, a compañía formou a máis de 30.000 alumnos, entre eles membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, especializándoos no manexo de drons en situacións de emerxencia e labores de rescate, tales como accidentes de mercadorías perigosas, control de situacións de emerxencia ou seguridade cidadá, búsqueda de vítimas, prevención de incendios ou control de aforamento en espazos públicos.

Paralelamente, parte do seu equipo de pilotos altamente cualificados atópanse despregados en varios países do mundo dando servizos especializados en diferentes áreas, como en Italia e México, realizando inspeccións técnicas eólicas e fotovoltaicas; ou en Angola, participando no levantamento dunha mina colaborando con servizos topográficos.

Incremento da facturación

A calidade e demanda dos seus servizos permitiu a Aerocamaras disparar os seus números nos últimos anos, mesmo esquivando as consecuencias da pandemia. A súa radiografía máis visible é o constante crecemento do seu persoal, que se viu incrementado desde 2019 coa creación de case 50 novos postos de traballo. Os seus datos de facturación avalan este crecemento, cun volume de negocio de preto de 7 millóns de euros en 2021 e unha previsión para 2022 ao redor dos 10 millóns de euros.

Jaime Pereira, CEO de Aerocamaras, explica que “nestes anos conseguimos copar o 75% do mercado nacional de drons. Soubémonos rodear moi ben. Tanto co noso equipo como con provedores e colaboradores que nos fan o día a día máis fácil. O noso obxectivo é continuar axudando a todos/as a conseguir o seu soño de voar un dron, construír un futuro profesional especializado no sector das aeronaves non tripuladas e seguir ofrecendo o noso mellor servizo en todas as operacións despregadas nos diferentes países do mundo”.

O futuro de Aerocamaras pasa por seguir ampliando a súa presenza en Latinoamérica, onde xa despregaron en Colombia, Brasil, México, Panamá e Porto Rico. E seguir coa súa expansión internacional aterrando con estrutura completa no continente africano e asiático, onde xa cooperan con outras compañías facendo servizos de inspección.

Fonte: Economía en Galicia