Aerocamaras Especialistas en Drons, con sede en Tecnópole, é a única empresa no mundo capaz de usar drons con tres sensores para realizar inspeccións de redes eléctricas. Isto tradúcese en que é a única empresa capacitada para levar a cabo tres inspeccións nunha, o que leva consigo un importantísimo aforro en todos os aspectos.
Para iso, utilizan o seu AeroHíbrido, o multirrotor con maior autonomía do mundo ao ser capaz de voar durante 7 horas de forma ininterrompida. O motor híbrido da aeronave de Aerocamaras combina electricidade e gasolina, establecendo un antes e un despois na industria dos drons e marcando unha clara vantaxe sobre os seus competidores. Entre as características principais do Aerohíbrido, tamén destaca a súa capacidade de trasladar ata 5 quilogramos de peso realizando voos de 2 horas, marcando claras diferenzas coa súa competencia que alcanza os 10 minutos soportando este peso.
As redes eléctricas necesitan revisións periódicas para garantir o seu bo funcionamento co fin de incrementar a seguridade e reducir perdas por unha transmisión ineficiente. Precisamente, á hora de levar a cabo estas inspeccións é onde os drons xogan hoxe en día un papel de gran relevancia.
O servizo ofrecido por Aerocamaras dispón de múltiples vantaxes respecto a unha revisión convencional de redes eléctricas. Por unha parte, o custo loxístico é moi baixo e os traballos poden realizarse en tempo récord. Así mesmo, tamén se reducen considerablemente os accidentes laborais xa que se evitan os riscos de traballar en altura e manipular elementos condutores de electricidade. Ademais, grazas ao Aerohíbrido e aos tres sensores empregados por Aerocamaras, a obtención dos datos conséguese dunha forma moito máis rápida e precisa que a través de medios tradicionais.
HD, IR e UV
Un dos puntos fortes do servizo pioneiro e exclusivo de Aerocamaras é a capacidade que ten o AeroHíbrido para traballar con sensores RGB, IR e UV ao mesmo tempo captando este tipo de imaxes. Isto permite desenvolver unha inspección exhaustiva.
Por unha parte está a gravación RGB, que se leva a cabo cunha cámara HD de 30 aumentos. Desta forma realízase unha inspección visual que permite determinar o estado das redes eléctricas: revisión de cimentación do apoio, vexetación que poida invadir a liña, revisión de placas perigo e cadeas, estado xeral do apoio, etc.
Por outro lado, a gravación termográfica (IR) permite localizar puntos de calor e frío para detectar fallos ou o correcto funcionamento dos elementos que compoñen a liña, como, por exemplo, illadores ou vans.
Como terceira vantaxe do servizo de Aerocamaras está a gravación ultravioleta (UV), un sistema que serve para detectar o coñecido como “efecto coroa”. Este fenómeno eléctrico prodúcese nas liñas pola ionización do fluído que rodea un condutor cargado e xera unha das principais fontes de perda de enerxía.
(Fonte: Aerocamaras)