Aerocámaras colabora co Colegio de Ingenieros Técnicos de Obras Públicas de Madrid

O Colegio de Ingenieros Técnicos de Obras Públicas de Madrid (CITOP) e Aerocámaras asinaron un convenio de colaboración polo cal os enxeñeiros colexiados e os seus familiares poderán gozar dun desconto especial no Curso oficial de piloto profesional de drons e no resto de formacións que ofrece a empresa situada no Parque Tecnolóxico de Galicia.

A utilización de drons en diferentes ámbitos e sectores está cada vez máis estendida. Cada vez teñen máis aplicacións e usos que melloran os procesos e abaratan custos. Os drons xa están plenamente integrados en traballos relacionados con labores de emerxencias e seguridade, servizos audiovisuais, inspeccións técnicas, labores de agricultura ou de topografía, entre outras, sendo este un sector en plena expansión.

Ao longo da súa traxectoria Aerocámaras formou a máis de 20.000 alumnos, sendo unha das principais escolas de pilotos de drons en España. “Contamos cos mellores profesionais do sector, pilotos e enxeñeiros aeronáuticos con máis de 25.000 horas de voo. A nosa formación é o único título oficial expedido pola Axencia Europea de Seguridade Aérea (EASA), a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. O Curso oficial de piloto profesional de drons supón unha aposta por unha formación de calidade e con futuro” -sinalan desde a empresa-.

“En Aerocámaras estamos encantados con esta nova colaboración co Colexio de Enxeñeiros Técnicos de Obras Públicas de Madrid e seguimos abertos a novos acordos con diferentes asociacións, empresas e demais institucións” -indican-.

Fonte: Tecnópole