A empresa de Tecnópole Aerocamaras é un referente no mundo da drónica en España. Co propósito de potenciar a formación e capacitación en ciencia e tecnoloxía, a través da súa escola superior de drónica Campus UAS by Aerocámaras acaba de asinar un acordo co Instituto Nebrija de Competencias Profesionales para ofrecer programas de formación permanente.
No marco deste acordo, impartiranse o Curso de Especialista en Operacións Loxísticas con Drons e o Curso de Especialista en Montaxe e Mantemento de Drons, nos dous casos con formación de piloto con homologación europea incluída. Esta alianza ten como obxectivo capacitar tanto a empresas como a profesionais no ámbito da tecnoloxía de drons, dotándoos das competencias necesarias para liderar proxectos innovadores, afrontando os retos do sector tecnolóxico e contribuíndo á expansión internacional da drónica.
Dentro desta colaboración, os profesionais terán acceso a unha oferta formativa diversificada que combina especialización técnica e a integración tecnolóxica con competencias de xestión e liderado. Estes programas poderán ser obxecto de certificación dun título propio por parte do Instituto Nebrija de Competencias Profesionales.
Estes cursos non só buscan ampliar os coñecementos técnicos e tecnolóxicos dos participantes, senón tamén desenvolver habilidades estratéxicas e empresariais, e potenciar a empregabilidade dos profesionais, favorecendo a creación de iniciativas innovadoras que contribúan ao crecemento do sector tecnolóxico e promovan un enfoque integral na resolución de desafíos complexos do sector.
En palabras do director xeral de Aerocámaras, Francisco Álvarez: “Esta alianza reforza o noso compromiso coa formación de excelencia no sector da drónica. A integración de programas especializados en Loxística e en Montaxe e mantemento de drons permitirá aos profesionais e empresas contar coas competencias necesarias para aproveitar ao máximo o potencial destas tecnoloxías. Estamos convencidos de que esta colaboración non só impulsará a empregabilidade, senón que tamén fomentará a innovación e o liderado nun sector clave para o futuro”.
Pola súa parte, Juan Padilla, director xeral de Institutos Nebrija, resalta a relevancia deste acordo para impulsar unha formación que combine especialización técnica co desenvolvemento de habilidades estratéxicas e de liderado. “La excelencia en la formación es un pilar esencial para mejorar la empleabilidad y permitir que los profesionales no sólo adquieran conocimientos avanzados, sino que también estén preparados para gestionar y liderar las transformaciones del sector” -afirma-. Así mesmo, destaca que o Instituto Nebrija mantén o seu compromiso coa capacitación de alto nivel, dotando aos profesionais de ferramentas que lles permitan responder os retos dun mercado en constante evolución.