Esta nova modalidade formativa, de oito horas de duración e carácter presencial, está dirixida principalmente a alumnos e alumnas con vocación tecnolóxica inmersos no sector dos vehículos remotamente tripulados.
O obxectivo é ofrecer a posibilidade de entrar en contacto cos equipos profesionais que sucan o ceo e lograr a súa soldadura, configuración e posterior coidado. Para poder participar neste curso non é necesario contar con formación previa.
O programa formativo inclúe áreas como a mecánica, ensamblaxe, configuracións electrónicas e provedores de compoñentes para que todos os asistentes poidan somerxerse aínda máis no innovador mercado dos drons. Ademais, ao finalizar a formación o alumnado recibirá un diploma acreditativo de aproveitamento emitido por Aerocámaras. O curso non capacita para ser piloto de drons, aínda que a empresa galega si ofrece dentro da súa oferta académica a opción de formarse nesta área con grandes expectativas laborais.
Experiencia
Aerocámaras conta cunha dilatada experiencia profesional dentro do ámbito dos drons. Ademais de formar pilotos de forma oficial, a empresa ten presenza profesional en diversos países do mundo como Mali, Estados Unidos, México ou Francia.
As aeronaves non tripuladas de Aerocámaras participan en diferentes producións audiovisuais e contan con tecnoloxía punteira que permite controlar dende o aire situacións de emerxencia, seguridade ou características topográficas.