A compañía galega Aerocamaras, con sede en Lalín e no Parque Tecnolóxico de Galicia, é un referente non mundo da drónica en España. É pioneira en formación (oficial, técnica e universitaria), xestión aeronáutica, venda de drons, equipos complementarios e solucións integrais. É a maior escola de pilotos de drons da Península Ibérica Acaba de alcanzar un acordo coa Universidad a Distancia de Madrid – UDIMA para integrar a drónica no ámbito universitario. Na sinatura participaron Juan Luís Rubio, vicerreitor de UDIMA, e Francisco Álvarez, CEO de Aerocamaras.
Este acordo permitirá ao alumnado das dúas entidades ter acceso a formación de alto nivel cos títulos propios de UDIMA e os cursos oficiais, técnicos e universitarios do Campus UAS de Aerocamaras. En concreto, tanto os alumnos como os antigos alumnos de UDIMA e de Aerocámaras gozarán de condicións vantaxosas á hora de matricularse na oferta formativa de ambas as dúas escolas superiores. Ademais de bonificacións, incluirase gratuitamente con cada inscrición o curso “Área de Desarrollo de Carrera” de UDIMA.
Esta acción complementarase coa incorporación de Aerocamaras no programa de mentoring da universidade online, para fomentar a relación de desenvolvemento profesional e persoal dos seus antigos alumnos e axudar a establecer un itinerario profesional acorde ás capacidades e aptitudes no campo tecnolóxico. A este programa engádese, ademais, o plan de prácticas profesionais en empresas para os alumnos de pilotos de drons.
Consolídase así a colaboración que as dúas entidades iniciaron este mesmo ano co título propio de Piloto Máster UAS, única certificación técnica de piloto de drons que existe en España con acreditación universitaria de ámbito europeo, homologado pola EASA (European Union Aviation Safety Agency).
As dúas institucións consideran de gran relevancia establecer estas liñas de colaboración para a organización de actividades formativas de alto nivel. Francisco Álvarez, CEO do Grupo Aerocamaras, destacou desta unión que “é un fito no ámbito da formación técnica. Nós, apaixonados polos drons e a formación, e UDIMA, especialistas en formación universitaria online de calidade, damos resposta á imparable demanda de todos os sectores profesionais para aproveitar as vantaxes da drónica en actividades diversas. Sen dúbida, a firma deste convenio con UDIMA é un privilexio e supón un gran paso no noso desenvolvemento estratéxico”.