Aenor lanza dous novos selos para certificar empresas innovadoras

A Asociación Española de Normalización e Certificación (Aenor) lanzou os certificados “Nova Empresa Innovadora” e “Peme Innovadora”, que permitirán ás empresas demostrar a súa capacidade de innovación.

As compañías que obteñan estes selos serán, ademais, incluídas no Rexistro de Peme Innovadora do Ministerio de Economía e Competitividade, o que lles permitirá compaxinar, nun mesmo equipo investigador, a bonificación do 40% en achegas empresariais ás cotas da Seguridade Social dos investigadores coa dedución fiscal de ata o 42% de gastos en investigación e desenvolvemento do imposto de sociedades.

Segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), existen en España 17.878 pemes innovadoras, das que trinta xa recibiron o selo “Nova Empresa Innovadora”. Os requisitos para obter este certificado pasan por unha definición da estratexia de innovación, así como a realización dunha serie de actuacións en materia de I+D+i, dentro dun plan de negocio e atendendo a unha previsión de rendibilidade, solvencia e liquidez do proxecto.

Outras obrigas para conseguir o JEI son que o gasto en innovación da empresa sexa de polo menos o 15% nos dous exercicios anteriores, que a sociedade teña unha antigüidade inferior a seis anos e que se poida acreditar que é unha peme.

Respecto ao certificado de conformidade de “Peme Innovadora”, as compañías deberán de cumprir unha serie de vinte e sete indicadores en materia de recursos humanos, recursos económico-financeiros, innovación ou procesos.

(Fonte: Innovamás)