Adolfo Domínguez rexuvenece os seus clientes cun mix real e ‘online’

Adolfo Domínguez estaba a piques de volver a números verdes, cruzouse a pandemia e tocou volver apertarse o cinto, aos axustes, a reinventarse de novo. Agora tócalle xogar partido a partido, e non só porque vaia vestir de rúa ao Atlético de Madrid Feminino para a temporada 2021/22.

Este cruzamento de camiños entre a moda e o fútbol é só un dos pasos dentro dunha estratexia que se apoia en acelerar cambios que impulsen á compañía que preside Adriana Domínguez cara ao futuro, con tres eixos: a apertura de novas tendas, o despregamento dunha nova presenza online e a procura dunha mellor conexión con clientes máis novos que até agora non lles coñecían.

Na súa última xunta de accionistas a finais deste verán informouse do desenvolvemento do seu plan de crecemento de vendas, que combina o forte aumento do seu e-commerce, do 25,1% entre marzo de 2020 ao pasado febreiro, coa selección de mercados para a apertura de novas tendas físicas, na súa maioría fóra de España. No mesmo período, Adolfo Domínguez abriu 19 puntos de venda en seis países, once deles en México, país onde a súa alianza cos grandes almacéns Palacio de Hierro aceleraron o seu plan de expansión no que é, tras España, o segundo mercado máis importante para a compañía.

A firma de moda de autor conta cun 51% das súas 343 tendas fóra de España, en dezaseis países. Os outros establecementos estreados situáronse en Colombia (2), España (2), China (1), Guatemala (1) e Portugal (2). É un programa de axuste fino entre o crecemento online e o seu investimento tecnolóxico, coa selección dos mercados onde medra en tendas físicas.

Ademais, o grupo constata un forte crecemento dos clientes máis novos, asociados á compra por Internet e á súa revolución tecnolóxica. Os novos clientes entre 18 e 24 anos medraron un 20% tras o lanzamento da súa nova tenda online en setembro do ano pasado. O crecemento da base de clientes tamén se reforza no principal segmento de idade dos seus compradores (35 a 54 anos); en concreto, na franxa maioritaria de 45 a 54 anos aumentou nun 5% no último exercicio.

Fonte: El Correo Gallego