A firma de moda de autor Adolfo Domínguez reinventa o seu modelo de tenda para tratar de superar as turbulencias da crise xerada no sector pola pandemia e co afán de recuperar o brillo da época dourada da compañía. As cidades elixidas para estrear ese novo concepto de local foron Ourense, sede e orixe da firma, e México DF, capital do segundo mercado con maior expansión tras España para a firma liderada nesta nova etapa por Adriana Domínguez, filla do deseñador ourensán. Estas novas tendas convértense na principal referencia comercial da compañía, xunto cos seus buques insignia de Madrid e Barcelona.
O novo establecemento de Ourense, situado en plena milla de ouro na rúa do Paseo, aposta por un espazo de 230 metros cadrados. A construción da tenda inclúe taboleiros de castiñeiro recuperados formando o chan, así como restos de lousa e pedras de canteira que se reutilizan para a decoración, nunha clara chiscadela a materiais moi vencellados a Ourense. Todo nunha contorna que aposta por unha arquitectura aberta e luminosa, así como o uso de materiais naturais para evitar o seu refugallo.
Nas tendas difumínase a diferenciación entre as coleccións de home e muller, e as pezas que poden ser usadas por ambos os sexos preséntanse de forma conxunta. Este novo concepto de negocio conxúgase tamén coa colaboración de xeito conxunto con artesáns, como a creadora téxtil Idoia Cuesta, que preparou unha instalación de vimbio para a tenda ourensá e que ocupa a zona central do local.
As novas aperturas en Ourense e México DF coinciden co lanzamento dunha edición limitada de bixutería na que colaboran os artesáns de Alfarería Agustín, especializados en cerámica de Niñodaguia, na Ribeira Sacra.
Adolfo Domínguez prevé estender o modelo a novas aperturas este ano. «Desde fai catro anos reposicionamos a nosa rede comercial cara ás principais rúas de todo o mundo e iniciamos o deseño dun novo concepto que amose a realidade actual da compañía; moda de autor que busca xerar un impacto positivo», explica José Carlos Lorenzo, director.
Fonte: La Voz de Galicia