O grupo Adolfo Domínguez lanzou a súa terceira colección limitada confeccionada ao “cento por cento” nos seus talleres de xastrería de Ourense, que está integrada por 186 pezas confeccionadas con liño europeo e que forma parte da nova aposta da firma galega pola sustentabilidade.
A compañía téxtil explica que a colección está “integramente elaborada” con liño europeo e baixo un procedemento zero waste, o que significa que se realiza mediante un sistema de patronaxe creativo que reduce a cero os refugallos durante o seu proceso de elaboración.
As pezas de Limited Edition están confeccionadas mediante un método que comeza na patronaxe e aproveita ao máximo a tea, e coa utilización do liño, “un material de cultivo amable coa terra, que consome menos auga que o algodón e que non necesita pesticidas”, explica.
A colección é, segundo a directora creativa da empresa, Tiziana Domínguez, “a materialización desta idea mediante o aproveitamento da peza nun proceso no que o patronista sae da sombra”. O obxectivo, “combater o 15 % de desperdicio de tea que se xera e os 15 quilos de lixo téxtil almacenados nas nosas casas”.
Fonte: El Correo Gallego