Acciona presenta o primeiro coche eléctrico de competición

Acciona participou por primeira vez nun rally europeo cun coche de competición. Foi na Baixa Italia, na 24ª edición, que tivo lugar entre o 15 e o 18 de xuño, co seu coche cero emisións Acciona 100% Ecopowered, o primeiro vehículo que competiu oficialmente a través da Federación Internacional de Automovilismo (World Cup for Cross Country Rallies FIA). O torneo conta a partir deste ano cunha categoría especial para vehículos eléctricos, o que serviu ao coche de “segunda posta en escena” tralo Rally de Marrocos da temporada pasada.

“A nosa aposta polas enerxías renovables é clara e este é un paso máis co que se demostra o potencial deste tipo de vehículos”, comentan fontes de Acciona. A carreira constou de tres etapas ao longo de 800 quilómetros no noroeste do país transalpino, onde o terreo de grava fai desta proba unha das máis emocionantes do campionato. Deste modo, a compañía cumpriu con este novo desafío sustentable o seu obxectivo de probar a competitividade das enerxías limpas e achegar visibilidade á loita contra o cambio climático referendada co Acordo de París.

Os pilotos da proba foron a alemá Andrea Peterhansel, que  participou dez veces no Dakar en diferentes modalidades, e a francesa Emma Clair, campioa mundial das Baixas TT en Quad. Piloto e copiloto, respectivamente, foron adestradas por Ariel Jatón, director técnico do proxecto.

Fabricado integramente en España, o Acciona 100% EcoPowered é resultado dun traballo de investigación e desenvolvemento de máis de cinco anos, ademais de ser o coche eléctrico con máis potencia dispoñible no mundo, cun motor eléctrico síncrono de 250 KW, equivalente a 340 CV. Á súa vez, o vehículo xestiona a súa enerxía con oito módulos de baterías de litio de recarga ultrarrápida e un sistema de alimentación mediante un panel solar de 100 W de potencia.

(Fonte: Innovaspain)