Acciona elixe oito startups para participar na súa aceleradora corporativa

A compañía Acciona seleccionou ás startups RatedPower,Tagup, Flexidao, nPlan, Newralers, A&K Robotics e Nouss Intelligence para formar parte da segunda edición da aceleradora corporativa creada pola compañía dentro do seu programa de innovación aberta I´MNOVATION. Ademais, Kineo, que o ano pasado participou na primeira edición da aceleradora, foi de novo seleccionada para desenvolver outro proxecto piloto.

Estas oito startups contarán durante tres meses coa colaboración, mentorización e financiamento de Acciona para desenvolver pilotos das súas respectivas tecnoloxías aplicándoas nun ámbito real.

Nesta segunda edición, duplicouse o número de empresas que optaban a formar parte do programa de aceleración, pasando das máis de 100 candidatas na primeira edición a 231 empresas. Este ano potenciouse o perfil internacional da convocatoria, en consonancia co negocio da compañía, de maneira que participaron no proceso startups de 16 nacionalidades distintas. Finalmente, entre as oito elixidas figuran empresas españolas (RatedPower, Kineo, Flexidao, Nouss Intelligence e Newralers), estadounidenses (Tagup), canadenses (A&K Robotics) e de Reino Unido (nPlan).

As startups, seleccionadas por directivos dos diversos negocios de Acciona (construción, servizos, industrial e enerxías renovables), formularon solucións tecnolóxicas innovadoras susceptibles de ser implementadas a curto ou medio prazo en proxectos da compañía.

Estas innovacións articúlanse en torno a retos formulados por Acciona, que contemplan a aplicación de tecnoloxías como o Blockchain, Big Data, Intelixencia Artificial, Internet das Cousas e Robótica, co fin de mellorar e optimizar procesos e activos, así como validar novos modelos de negocio.

Experiencias a extrapolar

As empresas seleccionadas contan con produtos ou procesos innovadores nalgún destes eixes, e en colaboración con ACCIONA, extrapolarán a súa experiencia aos sectores de actividade da compañía:

Nouss Intelligence (España): utiliza sistemas de intelixencia artificial para a planificación, aprovisionamento, execución e seguimento de equipos.

RatedPower (España): desenvolve ferramentas para a dixitalización para plantas solares fotovoltaicas.

Newralers (España): especializada en algoritmos de intelixencia artificial simulando redes neuronais.

Flexidao (España): emprega a tecnoloxía blockchain aplicándoa ao sector da enerxía.

Kineo (España): analiza mediante técnicas de Big Data información de xeoposicionamento.

nPlan (Reino Unido): implementa intelixencia artificial para o control de documentos de traballo en tempo real e toma de decisións en obra.

Tagup (EEUU): deseña unha plataforma software para dixitalizar o mantemento e deseño das instalacións eólicas.

A&K Robotics (Canadá): desenvolve sistemas intelixencia artificial para vehículos autónomos.

Na primeira edición da aceleradora de startups de Acciona, oito empresas foron seleccionadas entre máis de 100 candidatas; actualmente, todas elas manteñen liñas de traballo conxuntas coa compañía. Ademais, Kineo, participa de novo este ano no proceso de aceleración co desenvolvemento doutro proxecto piloto.

I`MNOVATION Startups Program ten como obxectivo a creación dun ecosistema de innovación que incorpora talento externo para potenciar as capacidades da compañía.

(Fonte: Innovamás)