Ábrese o prazo de inscrición para o novo curso da Aula Newton  

A Aula Newton Galicia, con sede en Tecnópole, é a única que existe en España con carácter permanente. Está destinada a promover as carreiras científicas e tecnolóxicas entre o alumnado de 2º da ESO a 2º de Bacharelato e FP de toda a comunidade, cun enfoque totalmente práctico e moi innovador. Está impulsada conxuntamente pola multinacional Boeing, a organización sen ánimo de lucro FIRST Scandinavia, a Xunta e Tecnópole.

A Aula ofrece ao alumnado a oportunidade de iniciarse no mundo da aviación a través do módulo “Voamos con números: unha aventura aérea”. Para iso cóntase con catro simuladores de voo profesionais, que permiten que os rapaces e rapazas gocen desta singular experiencia, converténdose en pilotos por un día.

No transcurso de cada sesión, a rapazada debe responder a unha hipotética misión de rescate localizada en Galicia, proposta polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia -situado na Estrada-, froito da colaboración de Tecnópole coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) a través do 112 Galicia. Así, para calcular as rutas de voo e cumprir as diferentes misións, os participantes poranse á fronte dos simuladores de voo avanzados, asistidos e orientados por un equipo de instrutores cualificados.

A Aula Newton Galicia está a piques de iniciar a súa quinta edición. Acaban de abrirse os prazos para que os centros educativos galegos se inscriban de xeito gratuíto na primeira quenda deste novo curso, que comezará en outubro e se desenvolverá ata finais de xaneiro. Deberán facelo a través da páxina web https://newtonroom.com/es/localiza-tu-aula-newton/newton-galicia. A Aula estará accesible os xoves e venres pola mañá, en horario de 10:30 a 13:30 horas. Haberá unha segunda quenda entre os meses de febreiro a xuño. No pasado curso participaron nesta experiencia 60 centros educativos de toda a comunidade, cun total de 1772 asistentes.

Esta proposta enmárcase dentro do programa “Tecnópole Divulga”, que busca incentivar as vocacións científicas e o espírito emprendedor entre as xeracións futuras. Ademais, Tecnópole continúa co seu compromiso de “garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade, promovendo oportunidades de aprendizaxe para todos”. Nesta liña, favorécese a integración na Aula Newton de persoas e colectivos con necesidades especiais, mediante a elaboración de materiais didácticos específicos.

Novos retos para o alumnado máis experimentado

A Aula Newton ofrece unha proposta máis avanzada destas sesións para o alumnado de cursos superiores -segundo ciclo da ESO, Bacharelato e ciclos formativos- e para os centros que xa teñan participado. Neste caso a rapazada terá que realizar cálculos máis complexos, que implicarán desde a selección da aeronave e a elección dun aeródromo compatible coa súa distancia de despegue ata o cálculo do combustible necesario ou a creación dun plan de voo a partir dunhas coordenadas iniciais e finais.