Abre o prazo para participar na terceira edición da aceleradora de internacionalización de pemes “Galicia Avanza”, impulsada pola Xunta e Tecnópole (ata o 19 de abril)

O obxectivo deste programa é que solucións innovadoras de calquera sector acaden ou fortalezan a súa presenza no mercado exterior no menor tempo posible

O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas “Galicia Avanza” poñíase en marcha en 2022 como resultado da colaboración entre a Consellería de Economía, Industria e Innovación -a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), entidade encargada da súa xestión e coordinación. Xa está aberto o prazo da terceira convocatoria, na que poderán participar ata 30 pequenas e medianas empresas innovadoras e/ou de base tecnolóxica. As solicitudes deberán presentarse ata o 19 de abril a través da páxina web https://www.tecnopole.gal/galiciaavanza/.

O obxectivo deste programa, xestionado e coordinado por Tecnópole, é que solucións innovadoras galegas, de calquera ámbito ou sector, dispoñibles ou moi próximas ao mercado, acaden ou fortalezan a súa presenza no mercado exterior no menor tempo posible. Aspírase así a que as empresas beneficiarias consigan reforzar a súa consolidación internacional, ademais de abrirse a novos mercados. Traballarase na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais, na detección de posibles colaboracións con outras empresas, no acceso a novos segmentos de clientes, así como na atracción de financiamento externo, entre outros aspectos.

Criterios de selección

Como principal novidade desta edición e co fin de dar oportunidade a novas pemes innovadoras, non van poder ser beneficiarias empresas que xa teñan participado en convocatorias anteriores do programa. Á hora de seleccionalas, valorarase o potencial de internacionalización e o grao de innovación dos seus produtos ou servizos, o coñecemento do mercado internacional obxectivo, o potencial de crecemento no mercado exterior, a capacidade financeira da empresa e a súa experiencia previa no eido internacional. Ademais, incentivarase a participación de pemes que non recibisen axudas previas da Axencia Galega de Innovación nin de Tecnópole, e tamén se primará a porcentaxe de mulleres nos seus cadros de persoal.

Itinerarios personalizados para cada empresa

“Galicia Avanza” ofrece un programa integral de apoio á internacionalización de dez meses de duración, con itinerarios personalizados en eidos como o estudo do mercado, a estratexia de márketing, a adaptación de produtos e servizos, o deseño e rexistro de marcas e certificacións ou a estratexia de acceso ao mercado. Ao longo do programa, as empresas participantes tamén recibirán mentorización, asesoramento e formación comercial e técnica.

Durante os primerios dous meses, titores expertos coñecedores do desenvolvemento de negocios e a internacionalización de produtos e servizos prepararán itinerarios personalizados con cada unha das empresas, segundo as súas necesidades concretas. Durante os seguintes meses, o programa contratará os provedores de servizos profesionais que cubrirán as necesidades detectadas nos itinerarios, a empresa levará a cabo as actividades definidas no seu plan de acción e farase un seguimento. De xeito paralelo, os beneficiarios poderán acceder a unha carteira de consultores expertos en diferentes materias e recibirán formación transversal en temáticas relacionadas coas necesidades detectadas nos diagnósticos.

Nas dúas edicións anteriores do programa impulsouse a internacionalización dun total de 60 pemes de toda a comunidade, pertencentes aos sectores máis diversos.