A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación —a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)— e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) convocan a segunda edición de Galicia Avanza, un programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas no que poderán participar ata 30 pequenas e medianas empresas innovadoras e/ou de base tecnolóxica. As solicitudes deberán presentarse ata o 28 de febreiro a través da páxina web https://www.tecnopole.es/galiciaavanza/.
O obxectivo do programa de aceleración, que xestiona e coordina Tecnópole, é que solucións innovadoras galegas, de calquera ámbito ou sector, dispoñibles ou moi próximas ao mercado, acaden ou fortalezan a súa presenza no mercado exterior no menor tempo posible. Aspírase así a que as empresas beneficiarias consigan reforzar a súa consolidación no mercado internacional ademais de incrementar a atracción de financiamento externo, maximizando a captación de fondos públicos ou privados. Traballarase na apertura de novos mercados, no acceso a novos segmentos de clientes, na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais e na detección de posibles colaboracións con outras empresas, entre outros aspectos.
Criterios de selección
Á hora de seleccionar as pemes beneficiarias do programa, valorarase o potencial de internacionalización dos seus produtos ou servizos. Tamén se primará o seu grao de innovación, o coñecemento do mercado internacional obxectivo, o potencial de crecemento no mercado exterior, a capacidade financeira da empresa e a súa experiencia previa no mercado exterior. Ademais, nesta convocatoria vaise incentivar a empresas que non recibiran axudas previas de Gain e Tecnópole e con cadros de persoal con maior presenza de mulleres.
Itinerarios personalizados para cada empresa durante oito meses
Galicia Avanza ofrece un programa integral de apoio á internacionalización de aceleración de oito meses de duración con itinerarios personalizados en eidos como o estudo do mercado, a estratexia de márketing, a adaptación de produtos e servizos, o deseño e rexistro de marcas e certificacións ou a estratexia de acceso ao mercado. As empresas participantes tamén poderán acceder a mentorización e asesoramento, capacitación e formación comercial e técnica e encontros finais para darlles visibilidade.
Durante os primeiros dous meses, titores expertos coñecedores do desenvolvemento de negocios e a internacionalización de produtos e servizos prepararán itinerarios personalizados con cada unha das empresas segundo as súas necesidades concretas. Durante os seguintes seis meses, o programa contratará os provedores de servizos profesionais que cubrirán as necesidades detectadas nos itinerarios e farán un seguimento deles. De xeito paralelo, os beneficiarios poderán acceder a unha carteira de mentores experimentados e recibirán formación específica en internacionalización.
Na primeira edición deste programa recibíronse 42 solicitudes de participación, das que foron seleccionadas 30 de sectores moi diversos como o turismo, o alimentario, a biotecnoloxía, a saúde, a enerxía, TIC, automoción ou aeroespacial.
Fonte: Tecnópole