Froito dun convenio de colaboración entre a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación -a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia ponse en marcha en Tecnópole “Galicia Avanza”, un programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas. Poderán participar ata 30 pequenas e medianas empresas innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a comunidade. A metodoloxía do programa e as bases da convocatoria poden consultarse na web https://tecnopole.es/galiciaavanza. O prazo de solicitudes desta primeira convocatoria estará aberto ata o 3 de maio.
O programa persegue que solucións innovadoras galegas, de calquera ámbito ou sector, dispoñibles ou moi próximas ao mercado, alcancen a presenza e/ou o fortalecemento no mercado exterior no menor tempo posible. Aspírase a que as empresas beneficiarias consigan reforzar a súa consolidación no mercado internacional, cunha visión de crecemento escalable e sostible a medio prazo; ademais de incrementar a atracción de financiamento externo, maximizando a captación de fondos públicos ou privados. Traballarase ademais na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais e na detección de posibles colaboracións con outras empresas, entre outros aspectos.
Itinerarios personalizados para cada empresa durante oito meses
Durante os primerios dous meses, titores expertos coñecedores do desenvolvemento de negocios e a internacionalización de produtos e servizos prepararán itinerarios personalizados con cada unha das empresas, segundo as súas necesidades concretas. Durante os seguintes seis meses, o programa identificará e contratará aos provedores de servizos profesionais, que cubrirán as necesidades detectadas nos itinerarios e fará o seguemento da súa implementación. De xeito paralelo, as beneficiarias poderán acceder a unha carteira de mentores experimentados e recibirán formación específica en internacionalización.
Fonte: Tecnópole