Aberto o prazo de inscrición no programa de aceleración de empresas Agrobiotech Innovación

As pemes galegas dos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e da biomasa poden inscribirse xa no programa de aceleración Agrobiotech Innovación, promovido pola Consellería de Economía e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación, e que terá a súa base en Tecnópole. O período de inscrición estará aberto ata o 22 de abril.

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, mantivo no Parque Tecnolóxico de Galicia un encontro de traballo con empresarios, aos que informou das posibilidades que ofrece a nova aceleradora de innovación AgroBiotech. Unha iniciativa que, segundo explicou, aspira a que as pemes participantes “incrementen nun 15% a introdución de produtos innovadores no mercado, as pemes participantes aumenten noutro 15% as súas vendas no exterior e as pemes participantes eleven a súa facturación gañando tamaño”.

O espazo, explicou o titular de Economía e Industria, centrarase en sectores prioritarios para Ourense, como son o agroalimentario, a biotecnoloxía e a biomasa, e estará “situado no Parque Tecnolóxico de Galicia, facilitando aos participantes o aproveitamento das súas infraestruturas, como o Laboratorio de Biotecnoloxía, unha instalación científico-técnica dotada con modernas equipacións. O seu emprego permitirá aos usuarios contar coas prestacións que ofrece un laboratorio propio, pero sen ter que asumir os elevados custos de adquisición e mantemento de equipos, un dos principais factores condicionantes das iniciativas emprendedoras no ámbito da biotecnoloxía”.

Así, proseguiu Conde, “AgroBiotech ofrece ás pemes a posibilidade de incrementar o seu potencial innovador, ao tempo que facilitará o financiamento das empresas, impulsando o acceso ao programa europeo Horizonte 2020 e aos fondos do I2C, que suman 15 millóns”. Un esforzo que, segundo subliñou, se sustenta na vontade de cooperación de Bioga e de Asebio, que tutelarán e guiarán as empresas participantes, e do propio Goberno galego.

Para favorecer o desenvolvemento dos proxectos innovadores, AgroBiotech conta cun investimento de 750.000 euros, ofrecendo ás empresas un método de traballo práctico e personalizado. Así, as empresas disporán dunha folla de ruta á medida en función das súas necesidades e baixo a titorización de expertos.

Deste modo, incidiu Conde, “impulsarase un traballo práctico a favor da innovación, compatible coas distintas actividades empresariais e aberto á industria, o que potenciará, ao mesmo tempo, a colaboración, multiplicando as sinerxías entre axentes e empresas participantes”.

A activación deste espazo, resaltou o conselleiro, encádrase na Estratexia de Especialización Intelixente – RIS3. Unha estratexia que permitirá mobilizar 1600 millóns en innovación ata 2020 e que abre o 75% dos programas ás pequenas e medianas empresas.

“O obxectivo é facer extensible esta innovación ás nosas pemes”, incidiu Conde, quen destacou outras iniciativas como os programas Conecta Pemes e Innterconecta, que están a mobilizar 3,5 millóns no tecido empresarial impulsando proxectos innovadores relacionados co ámbito agroalimentario, a biotecnoloxía e a biomasa.

Bases da convocatoria.

(Fonte: Xunta)