Aberta a inscrición para proxectos emprendedores na cuarta edición de ViaGalicia

A Xunta de Galicia e o Consorcio Zona Franca de Vigo presentaron a IV edición da aceleradora de empresas innovadoras ViaGalicia. Nesta convocatoria esperase a participación de 19 proxectos, cada un dos cales podería recibir ata 125.000 euros de financiamento. En total, nas tres edicións anteriores de ViaGalicia chegáronse a constituír 35 empresas que xeraron máis de 100 postos de traballo.

Ao longo dos 18 meses de duración do programa, os emprendedores participantes estarán supervisados por un equipo de expertos e beneficiaranse de formación, titorización, mentoring, un espazo de traballo en coworking e financiamento. Nesta cuarta edición habilitaranse dúas sedes, unha en Vigo e outra en Lugo, ata a fase de aceleración, que se celebrará de forma conxunta nas instalacións do Centro de Negocios de Porto do Molle en Nigrán (Vigo). O obxectivo final é poder validar o proxecto e conseguir que esta chegue a ser empresa nun curto espazo de tempo. Para iso, durante as diferentes fases, avalíanse os progresos dos equipos participantes de tal forma que os mellores proxectos cheguen a ser novas empresas que consigan o apoio de investidores privados e socios industriais.

O prazo de inscrición estará aberto ata o 15 de xullo a través da web viagalicia.gal. Como novidade, esta edición contará con catro emprendedores vinculados ao sector tecnolóxico aeroespacial co obxectivo que destacou Francisco Conde, conselleiro de Economía, Traballo e Industria, “de impulsar un novo polo industrial e de desenvolvemento tecnolóxico que repartirá a súa actividade entre as instalacións do Aeródromo de Rozas e as que a Zona Franca de Vigo ten en Porto do Molle onde finalmente se instalarán estes catro proxectos”. Pola súa banda, a delegada da Zona Franca, Teresa Pedrosa, destacou que ViaGalicia “propicia o emprendemento, no que todos os axentes sociais relacionados nos coordinamos para que o clima sempre sexa favorable ao desenvolvemento de novos proxectos que contribúan á dinamización do tecido empresarial”.

Asesoramento e financiamento

Nas súas tres primeiras edicións, ViaGalicia facilitou a creación de 35 empresas de diferentes perfís, que van do tecnolóxico ao sanitario, pasando polo sector alimentario. Todos eles destacan a importancia de que, dende a administración pública, se desenvolvan iniciativas de apoio e asesoramento aos emprendedores. É o caso de Antón Rodríguez, un dos impulsores de Beta, unha empresa que fabrica material para traumatoloxía e neurocirurxía veterinaria. Asegura que, ao igual que moitos emprendedores, ao principio ” hai moitas dificultades, moitas dúbidas” xa que “somos técnicos, sabiamos moito do noso, pero do mundo das empresas, do mundo financeiro, de como vas financiar o teu negocio, non sabiamos moito”.

Na mesma liña manifestouse Daniel González, un dos impulsores de Alfapilot, unha empresa que desenvolve instrumentos de navegación para voos recreativos e o seu propio software. Daniel é piloto de parapente dende hai anos e destaca o impacto positivo de aceleradoras deste tipo “para axudar a emprendedores a poñer en marcha o seu negocio, sobre todo en empresas ligadas á innovación”. Neste sentido resalta “o financiamento, o asesoramento, como che axuda a organizarte mellor, pensar en diferentes alternativas”.

(Fonte: Innovaspain)