Con esta iniciativa, preténdese poñer de relevo ante a sociedade o labor das empresas, profesionais ou entidades que deseñan, programan, desenvolven, implantan ou utilizan produtos ou servizos galegos que teñen na innovación e no uso das novas tecnoloxías a súa razón de ser.
Os premios convócanse en cinco categorías: Innovación, Internacionalización, Liderado TIC, Start-ups e Software Libre; e poderán presentar as súas candidaturas todas aquelas empresas e profesionais que realicen proxectos no campo das tecnoloxías da información e as comunicacións, ben sexa como provedores ou como entidades usuarias de produtos e servizos TIC galegos.
Para decidir os gañadores, o Clúster creará un Comité Experto. Unha vez que se realice a votación do xurado, farase pública unha lista con tres finalistas por categoría. Os gañadores desvelaranse no transcurso da Gala de entrega dos Premios, que terá lugar no marco do evento LibreCon 2015 o día 29 de outubro, en Santiago de Compostela.
Por ser galardóns de honra que distinguen a calidade, os premios non comportan dotación económica, pero tanto os gañadores como os finalistas recibirán trofeos representativos e exclusivos.
Os interesados en presentar unha candidatura deberán facelo exclusivamente a través da web www.clusterticgalicia.com, cubrindo o formulario online e achegando a documentación que consideren oportuna. O prazo conclúe o próximo 22 de outubro, ás 23:59 horas.
(Fonte: Innovamás)