A oficina principal de Abanca en Vigo acolleu o acto, no que o director de Innovación de Abanca, Eduardo Aldao, mostrou algunhas das funcionalidades do robot, que ademais de informar de forma personalizada das quendas e do comercial que lle toca a cada cliente, así como sobre os produtos financeiros, tamén pode sacar ‘selfis’ e imprimilos e bailar o coñecido ‘Gangnam style”.
Trátase dun proxecto piloto que xa estivo en Madrid e en Pontedeume (A Coruña), e que agora arrancará unha xira por distintas oficinas de Abanca para avaliar como é recibido por parte dos usuarios do banco; de feito, o próximo mércores estará na Coruña.
O obxectivo deste robot, que fala, entende e explica, é responder a preguntas e axudar aos clientes, facer máis levadío e reducir os tempos de espera, xerar empatía e mellorar a relación dos xestores cos clientes. Neste marco, cuestionado sobre se pode ameazar o número de empregos, Aldao asegurou que “vén axudar a facer o traballo, non a quitalo”.
O ‘R4’, que así é como se chama o robot, foi fabricado en Xapón pero o seu software foi desenvolvido “dende cero” en Galicia. Así, está integrado cos sistemas do banco e, mentres interactúa cos usuarios, avisa cando corresponde da quenda para ser atendido. Actualmente fala castelán e inglés, pero xa se está a programar en galego.
“Chámome R4, son un robot de protocolo e encántame coñecer xente nova”, preséntase o androide, que recoñece o nome do usuario e, entre outras actividades propón: “¿ Falamos un pouco? Ou podemos facer un selfi”. “Dá un punto máis humano á tecnoloxía do banco”, destaca a entidade, que esperará a ver como é recibida a iniciativa para decidir a súa posible implantación.
(Fonte: EP)