A investigación, a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico son eixos prioritarios na transformación do tecido empresarial e económico da comunidade autónoma. Así o entende a Xunta, que prevé investir 1.100 millóns de euros dentro do seu Plan Galego de Investigación até 2024 co obxectivo de duplicar o número de empresas innovadoras. Para iso artellaranse distintos programas e liñas de apoio, pero ademais farase un esforzo en reducir cargas administrativas na tramitación das axudas. Así, por exemplo, reducirase o papelorio á hora de presentar a xustificación económico-administrativa das subvencións, que estarán máis enfocadas cara á obtención de resultados.
Ademais, prevese reforzar os medios humanos da Axencia Galega de Innovación para facilitar estes apoios ás empresas. Para facilitar ás empresas o acceso ao financiamento público ofrecerase un mapa das axudas previstas até 2024. Tamén se mellorará a coordinación de todos os departamentos na concesión destas subvencións.
A planificación da Xunta para impulsar a I+D e a innovación nas empresas busca mellorar o posicionamento de Galicia e a proxección da investigación galega a nivel internacional. Para iso crearase a Marca Galicia no ámbito da I+D+i. A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía quere involucrar aos axentes do ecosistema galego da innovación en programas a nivel estatal e europeo, así como nas redes e as plataformas que operan nestes ámbitos. O que se pretende conseguir con isto é un acceso a maiores fontes de financiamento, ademais de crear un marco atractivo para captar e reter talento. Tamén se busca atraer a entidades de fóra para que desenvolvan I+D en Galicia.
Outro dos obxectivos é incrementar as axudas dirixidas sobre todo a pequenas empresas para que innoven. Poranse en marcha axudas para localizar centros de investigación empresarial en Galicia, daranse incentivos para apoiar ás empresas en todas as etapas da súa actividade innovadora, subvencións para realizar plans de innovación e estableceranse liñas de financiamento como préstamos e capital risco para apoiar proxectos innovadores.
Fonte: El Correo Gallego