A Xunta recibiu 11 ofertas de empresas para a execución das novas sendas na Medorra e Paiseo, en Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas e Paderne de Allariz, que suporán un investimento de 1 millón de euros. O obxectivo desta contratación é a construción destes dous itinerarios peonís na marxe esquerda da estrada OU-101, que suman en total 2,8 km. No caso do itinerario na Medorra, discorrerá polos tres concellos, e a senda do Paiseo, polo termo municipal de Paderne de Allariz.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé iniciar as obras no outono, co fin de que os novos itinerarios poidan estar xa ao servizo dos veciños na primavera de 2023. Estas actuacións centraranse nas zonas que carecen de espazo para o tránsito de peóns, ofrecendo unha importante mellora da seguridade viaria aos veciños deste tres municipios e facilitando os seus desprazamentos a pé, á vez que se revalorizan as zonas polas que pasan.
No caso da Medorra, a senda, que beneficia aos tres concellos, terá unha lonxitude de 2,1 km, transcorrendo na súa maior parte polo municipio de Pereiro de Aguiar. O itinerario comeza ao pasar o cruzamento co regato de Pazos e transcorre pola marxe esquerda ao longo do Parque Tecnolóxico de Galicia até chegar ao termo de Paderne. Neste treito de actuación prodúcese o cruzamento coa outra vía da Xunta, a estrada OU-537, onde esta senda solaparía co que está en execución na contorna dos parques empresariais.
Segundo o proxecto deseñado polo departamento de Infraestruturas da Xunta, as sendas terán ancho variable, cun mínimo de 2 metros, con pavimento de formigón cor terriza. En determinados treitos contarán con gabia revestida e estarán separadas da estrada por diferentes elementos, segundo o tipo de sección elixida en cada treito: gabia revestida e con perfil de seguridade; franxa de vexetación máis bordo; bordo prefabricado, ou a combinación destes tres elementos.
Como actuacións complementarias, executaranse muros de sostemento do terreo no treito da Medorra; tamén traballos de sinalización, reposición de servizos e preinstalación de iluminación pública, xunto coa adecuación de tres paradas de autobús ás que se dotará de tres novas marquesiñas.
Estas actuacións contan con financiamento da Unión Europea, dos fondos Feder 2014/2020 e dos fondos REACT EU.
Fonte: Xunta de Galicia