A eólica mariña segue a ser tema de debate en Galicia. A proposta de Iberdrola de instalar dous parques no norte da comunidade, fronte á costa de Lugo, foi visto con receo por parte do sector pesqueiro. Para tentar chegar a puntos de encontro entre ambas as industrias, a Xunta creou o Observatorio da Eólica Mariña. Durante a súa última reunión desde as consellerías do Mar e de Economía expúxose a posibilidade de “desenvolver unha zona experimental” para poder investigar a tecnoloxía e a súa interacción coa actividade pesqueira.
A idea da Xunta, que de momento só se plasmou en forma de proposta, é que sexa o test de carácter previo a calquera desenvolvemento comercial e sempre co visto e prace do Observatorio. Polo momento, as confrarías alegan que “é pouco factible”, xa que aseguran que seguiría interaccionando coas frotas de cerco, palangre ou arrastre.
No caso da comunidade galega a primeira que deu o paso foi Iberdrola, que expuxo dous parques a uns 15 quilómetros da localidade de San Cibrao, na Mariña de Lugo, de 490 MW cada un e cun investimento total que roldaría os 3000 millóns de euros. Antes de que a enerxética poida pór un dos muíños, a Xunta quere testar a tecnoloxía. Segundo trasladan fontes da Administración galega, a zona experimental proposta estaría “afastada da costa”, pero nunha situación “que permita dar o axeitado soporte no ámbito da I+D+i e que permita analizar e investigar esta tecnoloxía”.
Fonte: Faro de Vigo