A Xunta promove o uso dos incentivos fiscais á I+D+i como un mecanismo para impulsar o financiamento da innovación

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, destaca a importancia de que as pemes coñezan os incentivos fiscais estatais e autonómicos á I+D+i para aumentar o seu aproveitamento. Durante unha xornada informativa, Argerey sinalou que este tipo de financiamento indirecto da innovación pode alcanzar entre un 12 e un 51% de dedución sobre o investimento en I+D+i, e que é compatible, con certos límites, coas axudas directas á innovación.

A directora de Gain, que subliñou que un dos obxectivos do seu departamento para 2020 é incrementar o número de pequenas empresas innovadoras, subliñou que unha das liñas de apoio irá enfocada a divulgar as vantaxes fiscais do investimento en I+D+i e que incluirá, entre outras accións, a publicación dun manual cos aspectos clave dos instrumentos fiscais (aspectos legais, dúbidas frecuentes e casos de uso), de próxima publicación.

Neste sentido, a directora de Gain agradeceu especialmente a asistencia á xornada, na que se congregaron ao redor de 140 persoas, das asesorías fiscais e contables e os departamentos financeiros das entidades, porque están moi preto das pemes e funcionan como unha antena para facer que os apoios e servizos de apoio á innovación cheguen a todas as empresas e axentes e así axudar a exercer de panca da innovación e da competitividade.

Recordou que a Xunta, no ámbito das súas competencias, introduciu a partir de xaneiro de 2019 nas deducións autonómicas a aquelas persoas que invisten ou fan doazóns á innovación realizada en Galicia no IRPF co obxectivo de facilitar a toma de decisións dos investidores e doadores, pero tamén como un instrumento para que as pemes e organismos sen ánimo de lucro capten novo capital.

(Fonte: GAIN)