A Xunta pon a disposición dos alumnos do campus de Ourense o Laboratorio Oficial de Metroloxía para impulsar a súa formación práctica

A Consellería de Economía e Industria, co obxectivo de facilitar a formación profesional dos universitarios galegos en actividades relacionadas co sector industrial, colaborará coa Universidade de Vigo achegando aos seus estudantes a posibilidade de realizar prácticas no Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia (LOMG).

Así o explicou o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, durante unha visita ás instalacións do centro, onde destacou que, grazas a este acordo, o alumnado da Universidade, especialmente o do campus de Ourense, poderá adquirir unha importante experiencia profesional nas instalacións do laboratorio situado no Parque Tecnolóxico de Galicia, que colabora co tecido produtivo galego cubrindo as súas demandas metrolóxicas.

Neste contexto, e como sinalou Bernardo Tahoces, os bolseiros non só terán unha primeira toma de contacto co mundo laboral, senón que mellorarán as súas posibilidades de inserción laboral. Así, o desempeño das prácticas, que terán unha duración de tres meses, permitiralles completar a súa formación académica, adquirindo as capacitacións profesionais axeitadas nun ámbito complexo.

“O Laboratorio de Metroloxía conta cunha longa experiencia e unha ampla carteira de clientes en sectores industriais como o aeronáutico, a automoción ou o sanitario”, apuntou Tahoces, quen destacou que os estudantes, principalmente de carreiras técnicas como enxeñerías e licenciaturas en físicas, terán a oportunidade de beneficiarse do coñecemento do centro.

Neste sentido, o LOMG presta ás empresas servizos de medida, ensaio, control metrolóxico de determinados instrumentos e asesoramento e formación. Deste modo, subliñou o director xeral, os universitarios adquirirán experiencia e habilidades profesionais en distintos campos, que poderán aplicar con posterioridade coa súa inserción no mercado laboral, o que redundará en beneficio da mellora competitiva do tecido empresarial galego.

(Fonte: Xunta)