A Xunta pon a disposición da Universidade de Vigo o laboratorio de Metroloxía para facilitar a formación práctica

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación vén de asinar un acordo de colaboración coa Universidade de Vigo para pór en marcha un programa de prácticas académicas externas no Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia (LOMG), co obxectivo de facilitar a formación profesional dos universitarios en actividades relacionadas co sector industrial.

Esta iniciativa permitirá aos estudantes aplicar os coñecementos teóricos adquiridos nas aulas, ao mesmo tempo que experimentarán unha primeira toma de contacto coa realidade laboral nas instalacións do laboratorio situado no Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole.

Así, este acordo de colaboración está dirixido principalmente ao alumnado de 3º e 4º do grao en Enxeñaría Aeroespacial do campus de Ourense, que terá a oportunidade de beneficiarse do coñecemento do centro pertencente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais. Ao mesmo tempo, tamén poderán realizar prácticas aqueles alumnos matriculados noutros estudos da Universidade de Vigo relacionados coa actividade do LOMG, como Enxeñaría Informática ou Industrial, Minas ou Telecomunicacións.

Ampla carteira de servizos tecnolóxicos

O Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia ten por obxectivo apoiar ao tecido industrial galego e ao sector público autonómico, a través dunha serie de servizos tecnolóxicos, entre os que se atopan as calibracións, medicións, ensaios sobre contadores ou o control metrolóxico de distintas familias de instrumentos de medida.

Deste xeito, os universitarios adquirirán experiencia e habilidades profesionais en distintos campos que poderán aplicar con posterioridade coa súa inserción no mercado laboral, o que redundará en beneficio da mellora competitiva do tecido empresarial galego.

Fonte: Xunta de Galicia