A Xunta de Galicia licitou o proxecto do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia co obxectivo de que sexa unha realidade a mediados de 2025, logo dun investimento de 4,2 millóns de euros. O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, presentaron este proxecto en San Cibrao das Viñas, onde se emprazará o equipamento.
O novo centro será froito da colaboración entre a Consellería de Facenda, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, impulsora deste proxecto, e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que acometerá as obras de edificación.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle xa a licitación da redacción do proxecto e dirección das obras deste equipamento, un contrato que suporá un investimento da Xunta de preto de 220.000 € e ao que as empresas poderán presentar ofertas ata o 14 de xullo. Esta intervención será financiada con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, do programa Next Generation UE.
Ethel Vázquez avanzou que a Xunta prevé adxudicar en outono este contrato para a redacción do proxecto construtivo, que estará rematado na próxima primavera para iniciar a continuación a contratación e inicio das obras. O Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia construirase na parcela 3E da Tecnópole, en San Cibrao das Viñas, que conta con algo máis de 3.000 m². O edificio, con máis de 2.000 m² de superficie construída, albergará os espazos de monitorización e xestión de ciberseguridade, áreas de traballo e concienciación, zonas de uso externo e locais de emprendemento e de alugueiro para empresas privadas. Os traballos completaranse cunha área para o estacionamento, prevendo habilitar arredor de 40 prazas de aparcadoiro.
Pola súa parte, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, salientou que este centro terá como metas contribuír ao fortalecemento da ciberseguridade na contorna da administración pública, da cidadanía e das empresas; apoiar a innovación no sector produtivo mediante o logro da excelencia na investigación; así como o desenvolvemento de talento especializado en ciberseguridade. Corgos sinalou que o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia traballará en colaboración coas Deputacións provinciais, coas entidades locais, a través da Fegamp, coas universidades galegas e centros tecnolóxicos e de innovación e co tecido empresarial do sector. A vocación deste centro, dixo, será a de estar a disposición de toda a sociedade.
Miguel Corgos explicou que o centro se converterá nun punto de encontro entre a innovación en ciberseguridade e as necesidades e retos da sociedade e incidiu en que, coa posta en marcha deste edificio, a Comunidade dá un paso importante no camiño dunha Galicia intelixente que aposta polo crecemento da economía galega baseado nas tecnoloxías, cara a unha Galicia mellor.
Fonte: Xunta de Galicia