A Xunta licita a execución do Centro de Ciberseguridade de Galicia, que se situará en Tecnópole

O futuro Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, que se emprazará na parcela 3E da Tecnópole, é froito da colaboración entre a Consellería de Facenda -a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, responsable deste proxecto- e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade -que acometerá as obras de edificación-. A intervención será financiada con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, do programa Next Generation UE. A Xunta vén de licitar as obras para a súa construción, cun investimento de máis de 6 M€.

Este novo centro ten como metas contribuír ao fortalecemento da ciberseguridade na contorna da administración pública, da cidadanía e das empresas; apoiar a innovación no sector produtivo mediante o logro da excelencia na investigación; así como o desenvolvemento de talento especializado en ciberseguridade. Traballará en colaboración coas deputacións provinciais, entidades locais, universidades galegas e centros tecnolóxicos e de innovación e co tecido empresarial do sector.

As empresas poderán presentar as súas ofertas para executar as obras ata o 11 de setembro. O Goberno galego prevé adxudicar as obras no outono e empezalas a principios de 2024. O obxectivo é poder poñer en marcha o novo centro en 2025, xa que as actuacións contan cun prazo de execución de 20 meses.

O complexo

O complexo acollerá os espazos de monitorización e xestión de ciberseguridade, áreas de traballo e concienciación, zonas de uso externo e locais de emprendemento e de alugamento para empresas privadas.

Disporá dunha superficie útil de máis de 2.100 m² e configúrase en catro bloques rotando sobre un espazo central, de planta circular e formato poligonal. A sala de operadores, que se aloxará nunha das pezas máis significativas da actuación na posición noroeste da parcela, albergará na súa planta superior os espazos servidores desta, como son o despacho, o laboratorio, a sala de crise e a sala de reunións.

No lado oposto, cara ao sureste, sitúase a peza de laboratorios e o Centro Demostrador, que se organizan de xeito que mediante paneis móbiles poden configurarse nun espazo conxunto para demostracións de maior envergadura. Estes espazos terán dobre altura, situándose nunha zona parcialmente superior unha sala de máquinas de climatización.

Na diagonal do eixo contrario, situación noroeste-suroeste, proxéctanse dúas pezas arquitectónicas análogas con dúas plantas, para usos administrativos, aseos, espazos para uso interno do centro, para emprendedores ou para o alugueiro de empresas privadas.