A Xunta lanza un plan de formación para 10.000 emprendedores e directivos de pemes

“A diferenza entre unha persoa e outra é a formación”, destacou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ante os novos bolseiros da Fundación Barrié. No acto celebrado o pasado venres na Coruña, Feijóo anunciou un plan para formar 10.000 emprendedores e directivos de pemes.

O titular do Goberno autonómico participou na entrega de credenciais das bolsas de postgrao no estranxeiro 2015 da Fundación Barrié, onde fixo un anuncio para o Consello de Goberno do próximo xoves. Trátase do Programa Capacita, pensado para 10.000 persoas durante dous anos entre pequenos emprendedores e directivos de pequenas e medianas empresas, que recibirán formación da man da Xunta de Galicia.

Os beneficiarios deste programa coinciden cos bolseiros da Barrié en que forman “o capital humano máis importante dun país”, que é “o que vai conseguir as metas do futuro que se propoña”.

Ao acto asistiron tamén o presidente da Fundación Barrié, José María Arias, e o presidente da Asociación de Bolseiros da Fundación, José María Arias. Tras dar o parabén aos novos bolseiros, Feijóo explicou que se trata de “facer unha maior énfase na formación, neste caso dos que teñen emprego”, afirmou. Invitou á Barrié a ser un dos membros do comité asesor para elaborar o plan estratéxico para Galicia 2015-2020. A Fundación entregou as credenciais aos 30 novos bolseiros no estranxeiro.

(Fonte: Faro de Vigo)