A Xunta lanza tres unidades de investigación con CTAG e Aimen para a automoción do futuro

A automoción protagoniza a nova quenda de unidades mixtas de investigación (UMI) impulsadas pola Axencia Galega de Innovación (Gain) co obxectivo de facilitar o traballo en equipo dos centros de coñecemento e o tecido empresarial da comunidade fronte aos retos marcados na estratexia de especialización intelixente da economía rexional, a RIS3. Son tres da man do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e Aimen, xunto con varias das firmas máis representativas do sector no sur da rexión.

BorgWarner e o CTAG desenvolverán novos produtos electrónicos vencellados á xestión térmica nos vehículos para a electrificación do transporte e contribuír “ao progreso da mobilidade sustentable”. O orzamento do proxecto supera os 3,5 millóns de euros, dos que Gain achegará preto de 1,1 millóns.

Pensando na seguridade e no confort dos ocupantes dun coche, o CTAG e Grupo Antolín buscan “solucións intelixentes e innovadoras” para a monitorización a bordo. A UMI neste caso alcanzará os 2,2 millóns de euros, con 671.500 euros a cargo da administración autonómica.

O centro tecnolóxico de Aimen investigará conxuntamente con GKN Driveline Vigo para espremer a potencialidade da Intelixencia Artificial (AI) en tecnoloxías que dean soporte aos operarios de factorías da automoción para “a optimización dos procesos de fabricación, asegurar a calidade dos produtos fabricados e a detección temperá da deterioración das máquinas”: Gain desembolsará 763.400 euros na UMI, cun orzamento total de 2,5 millóns.

As tres unidades suman 8 millóns de euros en axudas e nelas están involucradas 69 investigadores, entre empregos que se consolidarán coa iniciativa e os novos previstos. Son xa 34 UMIs creadas e 8 consolidadas, segundo os datos da Consellería de Economía, Emprego e Industria, cun orzamento global superior aos 122 millóns de euros e o mantemento de 645 postos de traballo.

Nestes momentos 28 multinacionais están a participar nalgunha das UMIs que, ademais da automoción, tocan outros sectores como o naval, a saúde, o medio ambiente, a actividade forestal ou as TIC.

Fonte: Faro de Vigo