A Xunta inxecta na UVigo 8 millóns para I+D e dixitalización

A Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia asinaron dous convenios de colaboración polos que o Goberno galego inxectará na institución académica algo máis de oito millóns de euros entre o que queda de ano e 2022 co fin de reforzar as estruturas e os programas de investigación avanzada e consolidar o proceso de dixitalización impulsado por mor da pandemia.

“Con estes convenios o que queremos é seguir apostando para que a UVigo se manteña na vangarda e continúe a desenvolver a súa misión dentro dun marco de solvencia e de aposta pola innovación e por dar un servizo de calidade aos seus estudantes”, explicou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez. Remarcou que con estes convenios a Xunta pretende facilitar a contratación de investigadores, mellorar as infraestruturas e os equipamentos e seguir traballando na colaboración.

O destino

No que respecta ás accións estratéxicas de I+D+i, o departamento de Educación do Goberno Galego destina un total de 4,8 millóns á captación de talento e ao apoio aos centros da UVigo acreditados como Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (CIGUS). Isto abrangue cuestións como a contratación de investigadores para o CIM (Centro de Investigación Mariña), para o CINBIO (Centro de Investigacións Biomédicas) e para a agrupación estratéxica ECOBAS (Economics and Business Administration for Society).

Con cargo a este acordo tamén se verán reforzadas as estruturas de xestión do tres campus de especialización (Campus Auga en Ourense, Campus CREA en Pontevedra e Vigo Tecnolóxico), as agrupacións estratéxicas ECOBAS e CITACA (Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentaria do Campus da Auga) e o apoio ao xurdimento do CINTECX (Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais).

Fonte: Faro de Vigo