Trátase da primeira alianza subscrita entre unha multinacional estranxeira e un centro tecnolóxico galego, á que a Xunta contribuirá cofinanciando un dos seus proxectos máis ambiciosos, o Mobile Lab, que estudará a interacción entre o condutor e o automóbil na condución automatizada. Anunciouno o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que indicou que o programa mobilizará un investimento de máis de 4 millóns de euros (dos que o Goberno galego porá 1,8 millóns). “Esta cooperación confirma o compromiso de PSA Peugeot Citroën con Vigo”, afirmou.
Mobile Lab busca crear unha interface intuitiva que o condutor poida utilizar para activar os diferentes sistemas de condución automatizada e viceversa, e que segundo Feijoo combinará tecnoloxías de realidade virtual e conectividade. O titular da Xunta explicou que o CTAG porá a disposición deste proxecto os seus técnicos, materiais, laboratorios e o simulador de condución, mentres que PSA Peugeot Citroën achegará persoal especializado da súa división de Investigación, Innovación e Tecnoloxías avanzadas. A Xunta tamén cooperará con recursos tecnolóxicos da Axencia Galega de Innovación, organismo dependente da Consellería de Economía e Industria. “Esta unidade mixta de investigación dótanos dun polo tecnolóxico de referencia e dá continuidade á aposta da Xunta pola innovación”, engadiu Feijoo.
Pechado en setembro
O acordo entre Xunta, PSA e CTAG pechouse durante a visita a principios de setembro do máximo responsable de innovación do consorcio francés ás instalacións do centro tecnolóxico de Porriño. Jean-Marc Finot, acompañado polo conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e polo director do centro de Vigo de PSA, Yann Martin, repasou o estado de avance dalgúns dos proxectos que a multinacional desenvolve no CTAG (como a iniciativa europea OpEneR, que conseguiu aumentar ata un 30% a autonomía dos vehículos eléctricos) e acordou futuras colaboracións, como o Mobile Lab, proxecto para o que o consello da Xunta aprobou unha dotación de 1,8 millóns de euros.
Non é a primeira vez que PSA realiza labores de I+D+i en Galicia (parte do desenvolvemento da nova plataforma modular eficiente EMP2 do grupo fíxose no centro de Vigo, pioneiro en utilizala, e no CTAG) , pero si é a primeira vez que se comunica de forma oficial. O grupo francés chegara a formularse hai uns anos a posibilidade de deslocalizar en proximidade (near offshoring) parte do seu departamento de innovación en Europa (agora situado en Vélizy, Francia) , e sondou como posibles países receptores España, Portugal e Marrocos, pero a entrada no seu capital do grupo chinés Dongfeng inclinou a balanza cara ao xigante asiático, onde PSA xa conta cun centro de I+D (Shanghai) e abrirá outro proximamente.
A iniciativa da Xunta de constituír unidades mixtas de investigación de forma temporal entre empresas de capital estranxeiro e os centros tecnolóxicos galegos serviu neste caso para achegar de novo a I+D+i de PSA a Galicia.
(Fonte: Faro de Vigo)