A Xunta impulsa a formación especializada e a modernización da industria forestal

A Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a concesión de axudas por 2,2 millóns de euros que mobilizarán 5,6 millóns na formación especializada dos profesionais do sector forestal e a realización de investimentos na segunda transformación da madeira e do contract.

Por un lado concedéronse apoios por máis de 1,9 millóns que permitirán mobilizar máis de 5,3 millóns mediante a liña de axudas para actuacións de valorización, potenciación, innovación e mellora das pequenas e medianas empresas da industria forestal de Galicia, da segunda transformación e do contract. Benefícianse destes apoios 22 empresas, que desenvolverán investimentos que teñen como obxectivo aumentar a produtividade ou a implantación de técnicas que permiten obter novos produtos ou produtos valorizados. Tamén se conceden apoios para a posta en marcha de procesos que favorecen a minoración do impacto ambiental, dirixido especificamente aos procesos produtivos da segunda transformación da madeira.

A porcentaxe de axudas é do 50% dos investimentos realizados, até un máximo de 200.000 euros por beneficiario. Ademais, tamén se resolveron apoios por máis de 320.000 euros para a realización de accións formativas, coas que se financian nove proxectos organizados por 11 asociacións sen ánimo de lucro representativas da cadea de valor forestal e fundacións de interese xeral con relación directa con este ámbito.

Fonte: La Opinión