A Xunta impulsa a aceleradora Galicia Avanza, que desde a Tecnópole especializarase na internacionalización das pemes innovadoras

A Xunta de Galicia vén de autorizar o convenio de colaboración entre a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación -a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) para impulsar a aceleradora Galicia Avanza, especializada na internacionalización das pemes innovadoras. Destinarase un investimento de 2,24 millóns de euros para celebrar dúas convocatorias entre este ano e o que vén co obxectivo de apoiar 60 iniciativas.

A nova aceleradora, que se porá en marcha nos vindeiros meses na Tecnópole, dentro do Plan Estratéxico 2022-2024 desta entidade, busca aproveitar a demanda actual social e industrial, para que as solucións innovadoras galegas de pemes de calquera ámbito ou sector -e que estean dispoñibles ou moi próximas ao mercado- poidan alcanzar presenza ou fortalecerse no exterior no menor tempo posible.

Para logralo, ofrécese un programa de aceleración de oito meses de duración con itinerarios personalizados en eidos como o estudo do mercado, a estratexia de márketing, a adaptación de produtos e servizos, o deseño e rexistro de marcas e certificacións ou a estratexia de acceso ao mercado. As empresas participantes tamén poderán acceder a mentorización e asesoramento, capacitación e formación comercial e técnica e encontros finais para darlles visibilidade.

Tecnópole asumirá o labor de oficina técnica deste programa, tendo en conta a súa experiencia previa a través de programas de aceleración como Agrobiotech ou Connect-19, nos que colaborou con Gain, ou como espazo de impulso ao emprendemento, xa que será a sede dun dos 11 espazos coworking do Igape que se celebrarán ao longo deste ano.

Enmarcada tanto na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia como no Programa de impulso á innovación nas pemes, Galicia Avanza súmase ás incubadoras e aceleradoras especializadas que a Xunta ten en activo como a Business Factory Auto, a Business Factory Aero, a Business Factory Food, a Business Factory Medicines, Turislab ou ViaGalicia.

Estratexia de Internacionalización

A nova aceleradora tamén se inclúe na Estratexia para a internacionalización das empresas galegas ata 2025, en concreto, no eixo destinado á atracción de talento e formación. Así, Galicia Avanza é un novo instrumento co que a Xunta pretende seguir impulsando as vendas ao exterior das pemes galegas e, neste caso concreto, aproveitando a vantaxe competitiva que supón a innovación á hora de afrontar os retos actuais.

Fonte: Xunta de Galicia