Galicia pugna por facerse un oco no innovador e puxante sector biotecnolóxico. E farao da man da Administración. Así o destacou o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, durante a presentación da Estratexia de Consolidación do Sector Biotecnolóxico de Galicia 2021-2025. Francisco Conde prevé que grazas a este plan se mobilicen máis de 600 millóns de euros, o dobre que no período anterior, para impulsar un crecemento verde e sustentable.
E non é a única cifra que manexan desde a Administración galega. Porque, segundo apuntou o conselleiro, isto permitirá incrementar un 50% o número de empresas e crear máis de 500 novos empregos cualificados vencellados a esta actividade. O obxectivo desta nova folla de ruta, que conta cun investimento público por parte da Xunta de 430 millóns de euros, segue sendo vertebrar a todos os axentes da cadea de valor do sector biotech de Galicia -empresas, universidades, fundacións biomédicas, centros tecnolóxicos e organismos públicos- e manter ese esforzo colectivo para consolidar esta industria.
Tal e como apuntou Conde, búscase, ademais, desenvolver unha actividade intensiva en I+D+i a todos os niveis. Así, a Xunta apoiará novos proxectos empresariais, tanto nas primeiras etapas como nas fases de expansión; e tamén consolidará os xa existentes para afianzar a súa internacionalización.
Empresas tractoras
Non son os únicos obxectivos que recolle a nova folla de ruta da Administración galega, que tamén espera poder atraer investimentos para asentar empresas tractoras e promover a profesionalización do sector cunha forte aposta polo talento. Ademais de incrementar un 50% o número de empresas do sector e a súa facturación en Galicia até superar os 600 millóns, prevé aumentar o gasto en I+D+i en biotecnoloxía un 45%, até os 145 millóns de euros; incrementar o gasto en capital en Galicia en 30 millóns de euros, e sumar un 20% máis de investigadores.
Fonte: La Voz de Galicia