A Xunta e Forestais investigan o uso da madeira para o illamento acústico

Investigar o uso da madeira como elemento de mitigación acústica é o obxectivo do convenio que se está a impulsar entre a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), e a Universidade de Vigo. Con este acordo, ao que se destinarán 258.762,20 euros, dos que o 86% será unha achega da Xunta, preténdese seguir poñendo en valor novos usos da madeira desde a innovación.

O convenio inclúe unha investigación enfocada ao estudo das alternativas para o emprego de madeira en elementos dedicados a illamento acústico en infraestruturas de transporte. Ademais, impulsarase a construción dun proxecto demostrativo no campus de Pontevedra empregando as solucións seleccionadas na fase anterior e estudaranse alternativas de integración con elementos vexetais. Tamén se realizará un protocolo de seguimento do ensaio, así como xornadas divulgativas e cursos que permitan transferir o coñecemento obtido ao sector industrial.

Estas actuacións buscan abrir un novo uso e un novo mercado á madeira, propoñendo unha solución medioambientalmente máis sostible que as actuais -baseadas en plásticos e polímeros-, a través dun elemento natural, reutilizable, reciclable e procedente de montes xestionados de xeito sostible. Así, favorécese a demanda de madeira local, permitindo incrementar o seu valor, á vez que se beneficia o medio rural.

A iniciativa, aprobada no Consello da Xunta, está incluída nos obxectivos da Axenda de Impulso da Industria Forestal, que busca impulsar novos produtos así como apoiar a transferencia de coñecemento para a creación de novas actividades económicas e a diversificación produtiva.

Fonte: Diario de Pontevedra