A Xunta destinará case 20 millóns ao autoconsumo enerxético en empresas

A Xunta habilitará axudas por 19,8 millóns de euros para impulsar o autoconsumo e o almacenamento enerxético en empresas a partir de fontes renovables. Con esta liña de apoios, o Goberno galego considera que poderían conseguir aforros anuais de 7 millóns nas facturas.

«Dado o prezo astronómico da luz imos fomentar o autoconsumo», resumiu Alberto Núñez Feijóo, que asegurou que o prezo da enerxía é «un problema de primeiro nivel» no país. O presidente galego informou de que as axudas se tramitarán polo procedemento de concorrencia non competitiva. A porcentaxe da axuda irá do 15 ao 65%, en función do tamaño da empresa, do proxecto e da tecnoloxía. En concreto, contará cunha liña para realizar proxectos de enerxía fotovoltaica -con 5,3 millóns- e de eólica -280.000 euros- no sector servizos. Unha segunda irá para outras ramas produtivas e contará con 11 millóns para fotovoltaica e 580.000 euros para eólica. E, por último, apoiarase o almacenamento en instalacións de autoconsumo existentes con 2,6 millóns.

A Xunta aspira a mobilizar até 60 millóns con esta convocatoria. Segundo explicou Feijóo, esta medida busca así mesmo conseguir aforros anuais de 65.000 megawatts por hora ao ano, así como unha redución de emisións de 23.000 toneladas de dióxido de carbono ao ano, equivalente á acción de 1,15 millóns de árbores. Ademais, lembrou que dá continuidade a outras similares para impulsar o autoconsumo e almacenamento enerxético por 15,8 millóns desenvoltas con anterioridade.

Fonte: Diario de Pontevedra