A Xunta destinará máis de 15 millóns de euros nos orzamentos do vindeiro ano para o impulso de toda a cadea de valor da industria forestal. Con este investimento nas contas autonómicas preténdese seguir incentivando a construción en madeira, mellorando a trazabilidade dos produtos a partir da ecoinnovación, fomentar a formación e as tecnoloxías de procesos ecoeficientes nesta industria, así como consolidar proxectos de segunda transformación.
Utilización da madeira
Nun momento no que a sustentabilidade e a dixitalización son dous grandes obxectivos do sector do contract, no que se integran empresas de mobiliario e interiorismo especializadas no abastecemento a cadeas de tendas e hoteis, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, destaca que na cadea de valor da madeira pódense atopar importantes solucións a estes retos. De feito, ofrece propostas renovables, reutilizables e reciclables enmarcadas na bioeconomía e na economía circular, así como novos materiais derivados da madeira, como os que se pretenden obter coa planta de fibras téxtiles proxectada cos fondos europeos.
Conde puxo en valor o traballo das empresas galegas do contract, que, dixo, souberon entrar nesta canle e adquirir grande experiencia que lles permite ofrecer os seus servizos en todo o mundo. Así, Estados Unidos é o seu primeiro mercado mundial e en China teñen unha oportunidade de negocio a medio e longo prazo. O mercado exterior supón o 95% da facturación do contract galego.
Fonte: Diario de Bergantiños