A Xunta destina 1,7 millóns á iniciativa emprendedora feminina

A Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) destinarán 1,7 millóns de euros ao programa Emega de fomento da iniciativa emprendedora feminina, o que supón elevar os seus fondos un catro por cento nesta convocatoria.

O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, e o reitor da USC, Antonio López, presentaron a iniciativa, que busca o “fomento do emprego” e incentivar a creación de novas empresas e a innovación nas existentes, ademais mellorar a conciliación, destacou López.

Un pequeno empuxón

Rueda destacou que na década que leva en marcha este proxecto o investimento suma 9,1 millóns de euros e esta é unha das liñas “que máis satisfaccións e resultados visibles permite obter”. As axudas, agregou son “un pequeno empuxón” para que “moitas mulleres valentes” que apostan por emprender consigan que o seu proxecto sexa “un éxito”.

Nos anos que leva en funcionamento o programa, deu apoio a 700 proxectos que xeraron uns 1.300 postos de traballo, indicou Rueda. Este ano, “tendo en conta as dificultades” introdúcense “criterios de flexibilidade”, expuxo.

Fonte: El Ideal Gallego