A Xunta destaca que o centro de economía circular incrementará a autonomía enerxética de Galicia e as oportunidades laborais, especialmente no rural

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e o conselleiro do Medio Rural, José González, mantiveron un encontro con Reganosa, Repsol e Naturgy, que, xunto coa Sociedade Impulsa e a Xunta, promoven o futuro centro de economía circular para a produción de biogás e fertilizantes a partir de residuos gandeiros.

Segundo salientou Conde, esta iniciativa incrementará a autonomía enerxética de Galicia e as oportunidades laborais, especialmente nas zonas rurais, e permite demostrar como a colaboración público-privada permite a xeración e o desenvolvemento de propostas que melloran as capacidades industriais de Galicia.

O proxecto, que suporá 146 millóns de euros de investimento na primeira fase, destaca polo seu compoñente innovador, o seu beneficio ambiental, o apoio ao rural, e por estar enmarcado no reto da transición enerxética. A iniciativa cubriría con biometano un 7% da demanda galega de gas natural de importación.

Este proxecto é froito de moitos meses de traballo e a previsión dos socios promotores é iniciar en novembro os labores de enxeñaría básica. Trátase dunha das grandes propostas coas que Galicia opta aos fondos europeos Next Generation.

Fonte: Xunta de Galicia