A Xunta destaca que a Galiciencia contribúe a fomentar a creatividade e o talento para innovar dos máis novos

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, subliñou o importante estímulo que supón a feira científica Galiciencia á creatividade e o talento para innovar dos máis novos, permitíndolles achegarse á ciencia a través do xogo e a creación e contribuíndo a espertar as vocacións científicas.

Conde asistiu no Auditorio de Ourense ao espectáculo “A maxia da ciencia”, organizado polo Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt).

Con esta iniciativa búscase estender á cidadanía a invitación para acudir polas tardes, á marxe das visitas dos grupos escolares, á Galiciencia, que terá lugar entre o 8 e o 10 de maio no recinto de Tecnópole, en San Cibrao das Viñas (Ourense), coa saúde e os bos hábitos como tema principal.

A partir do mércores da próxima semana, pasarán pola décimo cuarta Galiciencia máis de 150 investigadores noveis procedentes de 30 centros educativos de Galicia. Agárdase que pasen pola feira máis de 2.000 visitantes, entre visitas organizadas de escolares, familias e particulares.