A Xunta deseña unha “app” que avisa do risco de contaxio e rastrexa aos contactos

A Xunta deseñou unha aplicación que se poderá descargar no móbil e permitirá identificar o risco de contaxio de coronavirus e alertar aos contactos dun caso positivo. Esta app, que levará o nome de PassCovid, está a ensaiarse nun grupo reducido de voluntarios e se funciona correctamente estará dispoñible a partir de setembro tanto para o resto de galegos como para os viaxeiros que cheguen á comunidade.

Se se activa a xeolocalización os usuarios recibirán avisos sobre os riscos sanitarios da zona na que se atopen e se dan positivo nun PCR saltará unha alarma a todos os seus contactos. Ademais estase a traballar nunha nova funcionalidade: que o cidadán poida rexistrar mediante un código QR que estivo nun bar ou restaurante, de maneira que se se identificase algún positivo nese establecemento recibiría un aviso do Sergas.

A PassCovid será voluntaria e garantirá a confidencialidade dos usuarios. A persoa que descargue a aplicación no seu móbil pode optar por identificarse empregando o sistema Chave 365 e así optar a todas as funcionalidades desta ferramenta. Pero tamén pode escoller un perfil anónimo e non dar os seus datos. Nese caso a aplicación proporcionaralle información xeral e consellos sobre a situación da pandemia. Se elixe identificarse e dar os seus datos, recibirá información personalizada. E se ademais activa a xeolocalización recibirá avisos sobre a situación epidemiolóxica ou a aparición de brotes nos lugares nos que se atope.

Esta app tamén servirá de canle de comunicación entre o sistema público de saúde e os cidadáns pois enviaralles información sobre as novidades e a evolución da pandemia, zonas de risco, datos, indicadores por concellos, recursos e servizos dispoñibles, así como recomendacións e protocolos de protección.

Fonte: Faro de Vigo