En virtude deste acordo, o Ministerio de Economía e Competitividade comprométese a cofinanciar o 80% deste proxecto de infraestrutura tecnolóxica, a través dos fondos do Programa Operativo FEDER 2007-2013 de Investigación, Desenvolvemento e Innovación por e para o beneficio das empresas – Fondo Tecnolóxico, o que supón un investimento de 1.986.000 euros. Pola súa parte, a Xunta de Galicia, achegará o 20% da contía, é dicir, 496.500 euros, con cargo aos presupostos da Axencia Galega de Innovación, para os anos 2014 e 2015.
Grazas a este proxecto, Aimen disporá dunha tecnoloxía singular e única en Galicia, coa que poderá levar a cabo novas actividades de I+D+i, o que repercutirá directamente no desenvolvemento da industria galega.
Con este novo equipamento, que se incorporará ao novo centro de aplicacións láser, Aimen quere posicionarse como referente nacional e europeo na investigación e aplicación de tecnoloxía láser e de procesado de materiais; impulsando a innovación e achegando ao empresariado solucións que melloren a competitividade dos sectores estratéxicos galegos. Ademais, permitiralle abranguer aplicacións demandadas pola industria no campo da alta potencia e o microprocesado por láser de alta resolución; e reforzará as súas capacidades a simulación numérica, caracterización de materiais no campo micro, caracterización de materiais non metálicos e sistemas de soldadura e recargue de última xeración.
Ademais, Aimen poderá abordar novos retos tecnolóxicos, como o estudo da interacción láser-materia, a consolidación da liña de microprocesado láser, o acceso a novos sectores e aplicacións, mellora das aplicacións láser actuais, desenvolvemento de novos materiais e técnicas de fabricación avanzadas ou a promoción e diversificación das aplicacións dos polímeros intelixentes e os materiais compostos avanzados.
(Fonte: Aimen)